Fontoira é unha fonte tipográfica inspirada no estilo tradicional de foliar os barcos nos portos d’O Grove e Meloxo.

Manifesto

Desde hai moitos anos era habitual ver nas augas do Grove os barcos afoliados con unas letras moi traballadas, ben representativas. Tal como recollen as fotografías antigas, deducimos que estes folios non eran pintados con plantillas xa que os remates e rebiricoques sempre eran distintos.

A medida que avanzaron os anos, e o afoliar os barcos foi deixando ser un dos traballos dos mariñeiros e armadores, pasando a seren rotulados de maneira mecánica, este tipo de letra foi deixando de ser tan habitual.

Empezamos a falar hai uns anos sobre o crear unha tipografía que recollera o ADN, a esencia, deses folios que levabamos vendo desde pequenos, nas amuras das embarcacións que encheron os nosos portos. Desta maneira pretendemos contribuír a manter este sinal de identidade, de cultura e do patrimonio marítimo.

Cando investigamos un pouco sobre os folios dos barcos do Grove, era recorrente a frase: «ese folio fíxoo Raúl Fontoira». Non foron poucos os armadores que se dirixiron a el para pedirlle que lle fixera a man o folio das súas embarcacións, e el sempre accedeu, practicando a súa arte para o lettering e mantendo vivo o seu quiñón de identidade, cultura e patrimonio marítimo; por iso esta tipografía leva o seu nome.

Ricardo Fontoira, aínda que todo o mundo lle chama Raúl, naceu n'O Grove en 1938; foi á escola ata os 17 anos, pero un par de anos antes xa tiña comezado a debuxar letras de maneira autodidacta xa que tiña especial gusto por rotular, sen consultar nunca ningún libro ou manual.

Ao saír da escola foi «polo mundo adiante» a navegar, pero mantivo a súa afección ao mundo das letras; en 1970 andando embarcado nunha plataforma estadounidense, o capitán preguntou a tripulación si alguén se comprometía a rotular varias balizas e áncoras durante a travesía entre Rotterdam e Trinidad e Tobago, un dos compañeiros que sabía da man do señor Raúl propúxoo para facer o encargo. Cando rematou, o capitán preguntoulle que oficio tiña: «eu son mariñeiro», respondeulle; e o oficial díxolle que si foran para os Estados Unidos o desembarcaría, xa que coas mans que tiña podería gañar moito carto como rotulista.

De volta da emigración, o señor Raúl mercou bateas e un barco de segunda man, o Pato, e fíxolle el mesmo a letras. O folio dos barcos do Grove é o Vill-4, así que pensou «en facer un V fina, sin botarme na V de sempre, e parece que foi unha explosión que lle gustou a todo o mundo». A partir de aí moitos compañeiros do mar empezaron a chamalo para que lles afoliara o barco cando o tiñan no carro, e el sempre accedeu a facelo de xeito altruísta, tanto n'O Grove como noutras vilas da ría.

A día de hoxe segue a rotular, coma sempre «a pulso, sen marcar, namáis que unha raia para que vaian máis ou menos dereitas, e sen copiarlle nunca a ninguén, todas sacadas da miña mente».

Creamos a fonte tipográfica Fontoira para conservar este estilo de afoliar os barcos nos portos do Grove e de Meloxo, xa que co paso do tempo se converteron en parte da identidade da cultura marítima local. Pero tamén para recoñecer e conservar a arte e o traballo que saíu da mente e das mans do señor Raúl Fontoira.

Sobre os folios

Lista: corresponde coa actividade do barco, a sétima (7ª) é de recreo. Outras listas poden ser mercantes (2ª), pesca (3ª), auxiliares de cultivo (4ª), etc.
Provincia marítima: neste caso de Vilagarcia (VILL). As outras provincias son Burela (LU), Ferrol (FE), Coruña (CO) e Vigo (VI).
Distrito marítimo: indica onde foi inscrito o barco, neste caso VILL 4 é O Grove. Outros exemplos poden ser VILL 1 para Ribeira ou VI 1 para Portonovo.
Número de asento e ano: neste caso indica que este foi o trixésimo quinto (35) barco inscrito (n'O Grove) no ano 1998.
Inclúe ligaduras para estilizar as provincias marítimas
A licenza de uso de Fontoira é gratuíta para uso persoal ou fins non lucrativos. Para uso comercial débese aportar a cantidade económica que se considere apropiada.

Sobre os autores

Detrás desta fonte están dous mecos: Lino Prieto (nacido no barrio de Katanga pero exiliado ao Montiño) e Rubén Prol (do barrio d'O Con). Puxemos moita ilusión en dixitalizar o que consideramos un impagable patrimonio gráfico da nosa vila. Despachamos en linoeruben@fontoira.gal.